Monday 06 de May de 2024

Rey emplaza á Xunta de Galicia a financiar a construción do Centro de Día de Adaceco, no barrio de Eirís


A alcaldesa presidiu a lectura do manifesto polo día nacional do Dano Cerebral Adquirido, a cargo de Juan Luis Delgado, presidente de ADACECO

Inés Rey: “O valor do que non se ve tamén está no traballo diario de entidades como ADACECO”

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a lectura do manifesto polo día nacional do Dano Cerebral Adquirido, a cargo de Juan Luis Delgado, presidente de ADACECO. “Hoxe é un día de reivindicación e de análise do que é unha realidade para moitas familias do noso país e que, como cada ano, manifestamos da man de ADACECO” sinalou a rexedora.

Baixo o lema ‘El valor de lo que no se ve’, a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) reclama unha maior visibilidade das persoas con dano cerebral adquirido para a súa completa inclusión. Ademais, no manifesto trasladan diferentes demandas como o impulso dunha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral Adquirido, a elaboración dun censo completo de persoas con Dano Cerebral así como a creación da categoría diagnóstica, aplicable no momento da alta hospitalaria.

A alcaldesa explicou que “o valor do que non se ve tamén está no traballo diario de entidades como ADACECO” e trasladoulle o apoio do Goberno local para seguir dando pasos de forma conxunta. Lembrou que no día de onte aprobouse en Xunta de Goberno Local o estudo de detalle para a construción do Centro de Día no barrio de Eirís. Rey emprazou a Xunta de Galicia a que tome parte no financiamento do proxecto: “Somos conscientes de que precisades financiamento e neste día de reivindicacións quero esixirlle á Xunta de Galicia que se implique no financiamento deste centro tan necesario para a cidade da Coruña e toda a súa área” concluíu.